A noite máis máxica do ano pecha con algún incendio, intoxicacións e queimaduras

REDACCIÓN>

 

Tradición, lume e diversión déronse onte a man na noite máis meiga do ano. A celebración do San Xoán viviuse con intensidade en toda Galicia e en xeral de xeito tranquilo, aínda que coma cada ano se rexistraron incidencias. O 061 tivo que atender a 58 persoas en toda a comunidade, 40 por intoxicación, 8 feridos en accidentes de tráfico e dez por queimaduras no entorno das cacharelas. Practicamente o noventa por cento das incidencias concentráronse nas provincias da Coruña e Pontevedra. Vindo á Arousa, a capital rexistrou un par de fogueiras descontroladas en Bamio e Rubiáns, un incendio forestal ó carón da unitaria de Aralde e outro nunha finca de Vilaxoán. Protección Civil de Vilagarcía tamén interveu nunha queima de pneumáticos na praia do Preguntoiro. Polo demais, moito festexo, tradición e rituais para espantar os malos espíritos.