Inaugurada a nova sede da Escola de Hostalería ‘Álvaro Cunqueiro’

A CORUÑA> O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acudiu hoxe á inauguración da nova sede da escola de hostalería ‘Álvaro Cunqueiro’ da Asociación Provincial de Hostaleiros. Durante a súa intervención, Calvo gabou a profesionalidade que dende uns anos adquiriu o sector e que permitiu levar o nome da Coruña e de Galicia por todo o mundo. Para Diego Calvo estas novas instalacións, de 650 metros cadrados, contribuirán a afianzar o camiño da formación do sector. Durante a súa intervención, o presidente provincial felicitou tanto á asociación de hostaleiros que puxeron en marcha esta nova escola coma, en xeral, a todo o sector, de gran importancia para a economía e o turismo. O presidente da Deputación participou tamén xunto con outros portavoces políticos coma o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, o subdirector de turismo da Xunta, José Luis Maestro, ou a delegada da Xunta, Belén do Campo, entre outros, no obradoiro organizado polos hostaleiros para celebrar o acendido das cociñas deste novo centro de formación. Coma pinche de cociña, Diego Calvo axudou ao chef Diego Bello, do restaurante Attica21, a preparar un prato de xurela con bacon.