Cambados arroupa ás familias das vítimas do ‘Sin querer 2’ nunha multitudinaria concentración

CAMBADOS> A traxedia do ‘Sin Querer 2’ encheu de dor e bágoas a vila de Cambados. Centos de veciños participaron esta mañá no minuto de silencio convocado ás portas do concello. Nese acto, a alcaldesa da localidade agradeceu a resposta multitudinaria de tódolos cambadeses, arroupando ós familiares das vítimas nestes momentos difíciles. O pesar na localidade é moi grande, porque os mariñeiros falecidos e o aínda desaparecido eran moi coñecidos.

Cambados está de loito trala traxedia do ‘Sin querer 2’. Foron ducias, centos, os veciños que esta mañá quixeron arroupar ós familiares das vítimas coas súas bágoas e coa súa presenza no minuto de silencio celebrado ó mediodía fronte á casa do concello. A dor é moi grande, din os veciños, porque nunha vila Cambados todo o mundo se coñece.

O silencio bateu con forza nesta praza do Concello que quedou pequena para acoller tantas mostras de solidariedade. O silencio rachou, despois dun minuto, coa Negra Sombra de Rosalía. Tamén coas palabras dunha emocionada alcaldesa que, en nome de toda a vila, quixo trasladarlle todo o seu apoio ás familias das vítimas.

Tamén momentos de moita tristura na Confraría de San Antonio. Dende o pósito non dan creto ó acontecido. Explican que o barco estaba en óptimas condicións e que, ademais, o tempo na zona do naufraxio non era malo.