GALICIA> A compostaxe dos residuos orgánicos ten cada vez máis implantación na sociedade. Hoxe achegámonos a un centro de Oleiros para botarlle un ollo a un proxecto que poderíamos exportar a calquera concello da nosa contorna. Alí impulsan nun colexio unha campaña piloto a prol da compostaxe inclusiva, na que persoas con Síndrome de Down xestionan os residuos do comerdor escolar.
Promover a sustentabilidade e o coidado ao medio ambiente ao tempo que se fomenta a inclusión social das persoas con discapacidade. Esta é a base do proxecto ‘Compostaxe pola aprendizaxe’. Unha campaña piloto a prol da compostaxe inclusiva que impulsan Permae e Down Coruña no Instituto Isidro Parga Pondal de Santa Cruz, en Oleiros.
A través desta campaña piloto, a rapazada está a xestionar os residuos orgánicos que se xeran no comedor deste centro, onde xantan a diario 300 estudantes. Uns 40 quilos de refugallos ao día que antes acaban no lixo e que agora depositan aquí.
Unha dinámica que serve tamén para concienciar á rapazada da importancia de xestos como este.
Esta campaña é posible tamén grazas a empresas que aportan moito ao proxecto. Entre elas, atopamos a Baygar, de Vilagarcía, coa cesión de todo o material preciso.
Os restos orgánicos que sairán deste centro de compostaxe serán empregados pola rapazada para o coidado do horto que teñen no colexio. Un xeito, pois, de pechar o ciclo deste modelo circular no que agora se lle dá valor ao que antes non o tiña.











