A Deputación da Coruña premia ós mellores deportistas, clubs e entidades da provincia

BARBANZA> O Teatro Colón foi o escenario elixido para a celebración da cuarta edición da Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, na que se recoñeceu a deportistas, clubs e  entidades da provincia polos resultados acadados ó longo do pasado ano, así como tamén pola súa traxectoria.

Os premios máis destacados, os de mellores deportistas tanto feminino como masculino foron para María Sanjurjo, campioa de Europa de hockey sobre patíns, e Lucas Yáñez, campión de Europa sénior de patinaxe artística, respectivamente.

Na categoría de promesas, os premios foron para os atletas Aitana Capeáns e Hugo Zuluaga.

En deporte adaptado foi distinguida a paraciclista María José Pose e o nadador Jacobo Garrido, mentres que os premios ós mellores deportistas veteranos recaeron en María del Mar Terceiro e Amador Pena.

Tamén foron recoñecidos o Parrulo de fútbol Sala, o Club Ciclista Padronés e o piloto Luís Penido.

No trasncurso da gala tamén se entregaron dous premios de honra ós atletas Javier Gómez Noya e Iván Raña pola súa traxectoria e se recoñeceu á firma Estrella Galicia polo seu apoio incondicional ó deporte.