A marea vermella volve ameazar o marisqueo

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/25/toxina.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/25/toxina.mp4{/flowplayer}

     

    SALNÉS> A marea vermella volve ás costas galegas. A consellería do Mar pechou onte gran parte da ría de Pontevedra ao marisqueo. Tamén se produciron peches na de Muros-Noia, tras detectar unha presenza da toxina por enriba dos límites legais. A de Arousa, polo de momento, non está afectada, aínda que dende o Intecmar advirten de que o episodio aínda está en fase ascendente.

    O marisqueo galego continúa acumulando malas novas. A toxina lipofílica volve a facer a súa aparición nas nosas rías, e Mar xa tivo que tomar a decisión de pechar varias zonas.

    Vinte días despois da súa reapertura tras outro episodio de marea vermella, a maior parte da ría de Pontevedra volve estar pechada ao marisqueo. Tamén a de Muros-Noia, onde se prohibiu a extracción de mexillón e o traballo nas zonas 2 e 3 de moluscos infaunais. Na de Arousa, polo de momento, non se rexistraron peches.

    Dende o Intecmar están a incrementar a frecuencia das análises para detectar calquera presenza de toxina por enriba dos límites legais. Recoñecen, ademais, que está a ser un ano malo para o sector: no que levamos de 2015, moitos mariscadores non acumulan nin 50 días traballados por mor dos peches.

    Si que lanzan unha mensaxe de tranquilidade ao consumidor. Todo o produto que chega as prazas pasa por estritos controis sanitarios que garanten o seu bo estado.

    Na súa páxina web o Intecmar ofrece cumprida información da situación das rías e dos resultados das mostraxes que se realizan nas diferentes zonas.