Os mariscadores de Noia retiran o argazo dos bancos da Misela e Cuncheiro

    NOIA> Os mariscadores de Noia afánanse estes días na retirada de argazo nos bancos da Misela e Cuncheiro. Con estas tarefas evitan a mortaldade do marisco que quedaría asfixiado baixo a capa de algas. Paralelamente realizan tamén tarefas de retirada de depredadores e sementeira. Cada ano por estas datas é habitual a acumulación de argazo nos areais noieses. Para retiralo, os mariscadores da confraría traballa a reo xa que destas tarefas depende o seu sustento. A acumulación de algas nos bancos provoca altos índices de mortaldade entre o berberecho e a ameixa ó impedir a súa osixenación. Ademais da limpeza dos areais, que se realiza varios días á semana, os mariscadores traballan tamén na retirada de depredadores. Paralelamente, un barco da confraría realiza a diario tarefas de limpeza nas concesións dos mariscadores a flote. Todo este esforzo ten a súa recompensa a partir de outubro cando se inicia a campaña marisqueira. Quizá sexa no afán por rexenerar e manter os bancos onde resida o éxito desta confraría que pecha cada campaña con facturacións millonarias.