LOUSAME> Conclúe sen éxito a terceira escavación no cemiterio de Vilacova de Lousame na busca dos restos de Manuel García Hermo. Os traballos centráronse nunha área exterior do camposanto a raíz do testemuño dun veciño que situaba na zona o soterramento de dous corpos.
A esperanza das familias de Manuel García Hermo e de María Josefa Becerra comeza a esvaecerse trala terceira exhumación realizada no cemiterio de Vilacova na busca dos seus restos.
Esta semana comezaban os traballos para tratar de localizalos tras o testemuño dun veciño da zona que sinalaba unha área exterior do cemiterio como o lugar onde o seu avó enterrara dous corpos.
A pesar do erróneo da pista, os traballos de exhumación non foron en van senón que serviron para obter novos datos históricos a documentar para futuras intervención como a posible existencia de dous corpos máis dos que inicialmente se pensaba.
Dende o 2022 foron tres as escavacións realizadas na zona, dúas delas financiada pola Deputación da Coruña a través da Área de Memoria Histórica de Dereitos Civís.
A pesar da necesidade de contar con pistas concretas das que tirar son tamén conscientes de que o tempo corre en contra da memoria. Ven desaparecendo as testemuñas da época e con elas a posibilidade de reparar a familiares como a filla de Manuel García Hermo que, con xa 101 anos, agarda poder darlle sepultura ós restos do seu pai.
Malia a decepción que supuxo o resultado infrutuoso da actual intervención, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica non deixará de buscar ós asasinados, reafirmando o seu compromiso coas familias. Aínda así, a tarefa é ardua e complicada e precisa dunha rigorosa investigación histórica que permita documentar e delimitar as zonas a escavar.
Mentres tanto, traballan na dignificación do cemiterio de Vilacova como un lugar de memoria para o que xa iniciaron os contactos co concello de Lousame.











