O BNG gobernará en minoría en Rianxo ó rachar as conversas co PSOE

    RIANXO> Tras unha intensa rolda de negociacións finalmente BNG e PSOE de Rianxo non chegaron a acordo para integrar un goberno de coalición. Así as cousas, os nacionalistas seguirán a gobernar en minoría, tal e como iniciaron o mandato, e buscarán acordos puntuais coas outras forzas da oposición. A pesar da boa sintonía entre o BNG e o PSOE de Rianxo non foi posible chegar a un pacto de goberno. Os socialistas apoiaron a investidura de Adolfo Muíños que iniciou o mandato en solitario pero todo parecía indicar que finalmente conformaría un goberno de coalición. A primeira reunión transcorreu segundo o guión previsto pero no segundo encontro xurdiron as discrepancias entre as dúas organizacións. Os socialistas propoñían seguir o modelo do bipartito do anterior mandato sen apenas variacións. Algo que non compartían os nacionalistas xa que os resultados electorais traducíronse nun incremento dos apoios á formación liderada por Muíños polo que entendían que deberían mudar varios aspectos na estrutura de goberno. Na terceira xuntanza fíxose evidente a falla de entendemento sobre o reparto das responsabilidades no executivo o que derivou na ruptura de negociacións entre ambas formacións. O BNG concorrerá ó pleno de organización coa proposta dun goberno en minoría co que deberá buscar acordos puntuais co resto dos grupos. Nos próximos día reunirase á xunta de portavoces de cara ó pleno de organización que previsiblemente se celebrará o próximo xoves.