A CIG lanza unha campaña para conseguir unha tarifa eléctrica especial para Galicia

PONTEVEDRA> A CIG aposta por que Galicia teña unha tarifa eléctrica propia. O sindicato ven de pór en marcha unha recollida de sinaturas para sacar adiante a Iniciativa Lexislativa Popular coa que buscan que a enerxía sexa máis barata na nosa comunidade que no resto de España. Segundo apuntan, a pesares de que Galicia é produtora de electricidade, paga o mesmo que outras autonomías que teñen que importala.

 

Conseguir que Galicia teña unha tarifa eléctrica propia é o obxectivo da campaña posta en marcha pola CIG.

O sindicato comezou unha recollida de sinaturas para sacar adiante a súa Iniciativa Lexislativa Popular para reclamar que Galicia teña unha tarifa eléctrica máis barata que o resto de España. Para a CIG, esta sería unha medida que impulsaría a creación de emprego na comunidade.

Tamén alertan de que máis de 100.000 fogares galegos sofren pobreza enerxética. É dicir, gastan, como mínimo, o 10% dos seus recursos para afrontar a factura da luz. Algo que, aseguran, non se pode consentir nunha zona produtora como Galicia.

O sindicato tamén manterá encontros cos voceiros dos gobernos locais para que aproben nos concellos mocións de apoio a esta iniciativa, ademais de convocar asembleas para concienciar á cidadanía.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/21/cig_tarifa_electrica.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/21/cig_tarifa_electrica.mp4{/flowplayer}