A Xunta investirá 450.000 euros en intervencións para mellorar o ecosistema do río Lérez

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia intervirá no Lérez para mellorar o seu ecosistema. O río forma parte dos dezasete que a administración autonómica incluíu no proxecto ‘Mil Ríos’ que busca, entre outras intervencións, suprimir as barreiras para os peixes migrantes e retirar especies invasoras das beiras. No caso do Lérez actuarase en 14 quilómetros de cauce e nunhas 102 hectáreas de terreo cunha achega de 450.000 euros.

‘Mil Ríos’ é o proxecto co que a Xunta aposta por mellorar o ecosistema de dezasete ríos galegos. Un deles é o Lérez: actuarase en 14 quilómetros do seu cauce, ao seu paso por Pontevedra, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

A intervención dividirase en dous bloques. Por unha banda, actuarase nos encoros de Monte Porreiro e Bora, para eliminar barreiras para os peixes migrantes. Pola outra, eliminaranse as especies invasoras que medran nas súas beiras.

As actuacións no Lérez abarcarán ao redor de 102 hectáreas de terreo. Contarán cun orzamento de 450.000 euros e comezarán no mes de maio.

O proxecto ‘Mil Ríos’conta cun orzamento total de 5 millóns de euros. Actuará en ata 470 quilómetros de 17 ríos das catro provincias galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí