Perdecanai encarga á artesanía secular a nova campá para a súa igrexa

    CALDAS> A Fundición dos Hermanos Ocampo traballa en Arcos da Condesa, en Caldas, dende 1630. A familia leva máis de catro séculos dedicándose á elaboración de campás, e o mantemento da tradición fai que sexan o único obradoiro deste tipo en toda España. Hoxe os seus fornos puxéronse en marcha cun encargo: facer unha nova campá para a igrexa de Perdecanai, en Barro.

     

    Ao entrar no número 6 do lugar de Badoucos, en Caldas, parece que o tempo volve atrás. A casa esconde un obradoiro tradicional de fundición de campás, onde as cousas se fan como no século XIX.

    É a fundición dos Hermanos Ocampo, que ocupa esta casa dende o 1886. Pero a familia de campaneiros está vinculada a Arcos da Condesa dende 1630. Tantas xeracións que xa se perdeu a conta.

    Este obradoiro é o único artesán que queda en Galicia. Polas peculiaridades das súas instalacións, tamén é único en España. Funcionan por encargo e, cando chega algún pedido, poñen os seus fornos a funcionar.

    Hoxe o metal fundido volveu correr por petición dos veciños de Perdecanai. Eles confiaron nestes artesáns para substituír, despois de máis de 200 anos, a campá da súa igrexa.

    Para os artesáns de Badoucos, esta campá será unha máis das que teñen repartidas por toda España despois de séculos como campaneiros. Para os veciños de Perdecanai, a Fundición Hermanos Ocampo sempre será a que renovou a voz da súa igrexa.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/21/fundicion_campas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/21/fundicion_campas.mp4{/flowplayer}