Rescatado o cadáver do vilagarcián falecido onte ao caer facendo barranquismo

    VILAGARCÍA> Rescatado esta tarde o cadáver do mozo vilagarcián que onte caeu a unha poza do Río Xallas. Erich César Moledo, de 33 anos e veciño de Bamio, falecía tras caer ao baleiro mentres facía barranquismo en O Ézaro, no concello de Dumbría. Os efectivos desprazados ata o lugar non foron quen de atopar o corpo ata este mediodía, que se atopaba no fondo dunha poza de 9 metros de profundidade.

     

    Ás catro desta tarde os equipos desprazados ata a zona rescataban o cadáver de Erich César Moledo, o veciño de Bamio de 33 anos que onte falecía tras caer a unha poza do Río Xallas cando facía barranquismo en O Ézaro. Atopábase a nove metros de profundidade nun lugar de moi difícil acceso, algo que xa se temían os equipos de rescate.

    O accidente produciuse no mediodía de onte. Pouco antes da unha da tarde, eran os propios compañeiros do falecido, tamén de Vilagarcía, os que daban a voz de alarma. Ao parecer, o mozo sufriu un ataque de pánico e caeu dunha altura de dez metros. A zona é frecuentada por afeccionados ao barranquismo.

    O grupo deu aviso ao 112, que montou un dispositivo no que participaron socorristas, membros de Protección Civil e os bombeiros de Cee. A media tarde incorporáronse ás tarefas de busca mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas.

    A pesares do amplo operativo, o corpo non foi localizado ata este mediodía. Foi preciso pechar as comportas da presa para baixar o nivel de auga que, unido ás fortes chuvias de onte pola mañá e o arrastre de terra, dificultaron as tarefas de busca dos axentes. Hoxe melloraron as condicións do río, o que permitiu o rescate.

    Erich César Moledo era moi coñecido en Vilagarcía. Era deportista e practicaba artes marciais nun ximnasio da vila.

    O falecido era solteiro, e vivía na casa dos seus pais na parroquia vilagarciá de Bamio.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/24/falecido_barranquismo_ezaro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/24/falecido_barranquismo_ezaro.mp4{/flowplayer}