A Noite das Meigas móvese ao 5 de setembro para non coincidir co Combate Naval

    VILAGARCÍA> Vilagarcía terá que agardar ao primeiro sábado de setembro, día 5, para vivir a súa Noite das Meigas. Concello e colectivos mantiveron esta mañá un encontro no que decidiron aprazar a cita, para evitar así que coincida co Combate Naval.

    Recordemos que o espectáculo pirotécnico que pon fin ás Festas de San Roque estaba previsto para o sábado pasado, pero tivo que ser aprazado ao seguinte por mor do mal tempo. Durante o encontro, a concelleira de cultura e os dez colectivos que participan na Noite das Meigas analizaron diferentes opcións, pero finalmente optaron por trasladar a cita coa que Vilagarcía despide o verán e as súas festas desta época do ano. Tanto o Combate Naval como a Noite das Meigas atraen a milleiros de persoas ata a vila.