Carril vibrará este sábado cos sons máis roqueiros no ‘Ameixa Rock’

    VILAGARCÍA> A cita, que foi presentada esta mañá nos locais da asociación Gato Negro, chega este ano á súa terceira edición con importantes novidades. Unha delas será a ampliación de actividades co fin de satisfacer a todo tipo de públicos. Co paso xa de varias edicións, o ‘Ameixa Rock’ e xa hoxe un festival consolidado no panorama galego. A organización decidiu este ano dar un paso máis, ampliando o número de actividades tratando de satisfacer a todo tipo de públicos e non limitarse unicamente ós concertos da noite. Pola mañá e pola tarde organizarase dende o peirao viaxes en kaiak á illa de Cortegada, en colaboración coa empresa Corticata, haberá a primeira festa do fútbol praia no areal da Covacha e tamén diversas actuacións de contacontos e un concerto acústico. Aínda así o prato forte do programa continúa a ser o propio festival, un dos pouco gratuítos que seguen organizándose a día de hoxe. O cartel será de luxo coas actuacións de Aquelarre, Estravagario, Hem e Ruxe Ruxe, unha das principais bandas do rock galego. Dende a organización do festival quixeron agradecer a axuda de diferentes entidades e empresas que colaboran e fan posible poder levalo a cabo. Unha delas é o propio concello vilagarcían que a través deste tipo de iniciativas pretende seguir promocionando a cultura e o turismo na localidade.