![]()
VILAGARCÍA > Nunca Máis Salnés reclama unha presión real e con máis medios contra a contaminación mariña.
Nunca Máis considera que 4 anos despois aínda é posible outro Prestige. Baixo este lema sairá este domingo unha nova manifestación coincidindo co aniversario do accidente do petroleiro. A marcha sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela. Nunca Máis insiste en que existe un problema estructural do transporte marítimo e que a día de hoxe aínda é posible outro accidente similar ó do Prestige con forte impacto para as costas galegas.
Denuncia ausencia de medios e de medidas de protección axeitadas. Para o colectivo os helicópteros de salvamento marítimo da Xunta ou están vellos ou son defectuosos, só hai un buque remolcador polivalente con base en Galicia, e aínda non se sabe cando se entregará o buque anticontaminación, nin hai compromiso de que se quede na comunidade galega.
Coincidindo ademais co cuarto aniversario do accidente do Prestige, a Xunta vén de anunciar que Galicia contará cun plan territorial de continxencias por contaminación mariña. O documento, estudado hoxe no Consello da Xunta, establece o protocolo que ha de seguir o goberno galego ante un accidente por contaminación mariña, para disposición de medios humanos e técnicos, e para coordinar os distintos departamentos da Xunta e do Estado.
O Plan revisarase cada dous anos e incluirá un centro de coordinación no que participarán as consellerías de Pesca, Medio Ambiente e Política Territorial. Ademais, crearase un grupo operativo de Protección Civil, outro de resposta en terra e outro para o mar.
Redacción Salnés






