Durán supervisa as melloras viarias no porto de Escarabote

    BOIRO> Portos de Galicia destina cincuenta mil euros a melloras as infraestruturas viarias dos portos de Cabo de Cruz e Escarabote, en Boiro. O titular do ente autonómico tivo ocasión de visitar as obras en execución que estarán rematadas dentro dun mes. Os traballos que Portos de Galicia está a acometer no peirao de Escarabote e que nos próximos días iniciaranse no de Cabo de Cruz permitirá mellorar non só os accesos senón tamén as conexións internas destes portos. Ademais da renovación do firme das vías melloraranse os sistemas de recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga que se produce na actualidade. As obras completaranse cunha mellora da sinalización e o pintado das prazas de aparcamento. O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto así como facilitar o tránsito dos numerosos turistas que visitan estes núcleos portuarios, especialmente durante a tempada estival. As obras en Escarabote xa deron comezo e está previsto que en Cabo de Cruz se inicien dentro duns días. O prazo de execución é dun mes e o importe global de ámbalas dúas obras ascende a cincuenta mil euros.