Os emigrantes retornados volven á rúa para denunciar a discriminación fiscal

    RIBEIRA> Nova mobilización dos emigrantes retornados do Barbanza e Muros Noia. Preto dun cento de pensionistas volveron saír á rúa en Ribeira reclamando a equiparación das súas obrigas fiscais coas dos cotizantes en España. A chuvia non foi quen de suspender a mobilización que, como cada mes, veñen protagonizando os emigrantes retornados do Barbanza e Muros Noia. Preto dun cento de afectados percorreron o treito que separa a delegación de Facenda do concello de Ribeira, facéndose escoitar. Cazolas, asubíos, megáfonos e todo tipo de instrumentos sonoros cos que atraer a atención da cidadanía sobre o seu problema. Un problema que, a pesar das reiteradas protestas e denuncias, vai camiño de enquistarse ante o desinterese por parte do goberno central, que denuncian os afectados. Con poucas esperanzas de recuperar as contías que tiveron que aboar en concepto das declaracións dende o ano 2008 con carácter retroactivo, agora tan só piden un trato fiscal xusto. A principal demanda é que se equipare o mínimo para a exención da presentación do IRPF cos traballadores que cotizaron en España. A indignación é tal que algúns dos afectados, como Manuel, ten pensado retornar ó país que o acolleu no seu día en vista de que no seu, denuncia, o recibiron como un delincuente.