Recolte asumirá o servizo de limpeza e a xestión do punto limpo de Ribeira

    RIBEIRA> A corporación ribeirense celebrou unha sesión plenaria con carácter extraordinario na que se abordaron diferentes asuntos de importancia. Un deles foi a adxudicación á empresa Recolte, Servicios y Medio Ambiente, do contrato do servizo público de limpeza urbana e recollida de residuos, por un importe de 1’7 millóns de euros. O novo contrato terá unha vixencia de doce anos. A adxudicación definitiva do novo contrato do servizo de limpeza á empresa Recolte saíu adiante no pleno extraordinario celebrado este mediodía cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do BNG e a abstención de IPdeR e PSOE. O alcalde explicou os detalles do novo contrato, por valor dun millón setecentos mil euros anuais e unha vixencia de doce anos. Ademais da limpeza pública urbana, recollida e transporte de residuos sólidos urbanos, a excepción do vidro, a nova adxudicataria asumirá a xestión do punto limpo mediante concesión. Este non foi o único acordo adoptado no pleno no que tamén se aprobou o expediente de expropiación de terreos para executar o proxecto de recuperación do río Arlés. A orde do día incluía ademais a aprobación das condicións do contrato que vai suscribir o concello co club Bielas Sport para o uso do circuíto de San Alberto e a dación de conta do informe de morosidade do primeiro trimestre do ano.