Noia iniciará as xestións coa Xunta para a construción dunha escola infantil pública

NOIA> Este mediodía a corporación noiesa aprobaba a conta xeral correspondente ó ano 2022. O punto saíu adiante con votos a favor do equipo de goberno, PP e NOIA.

Os grupos da oposición: PSOE, BNG e Marea criticaron o abuso das contratacións menores por parte do Concello e as partidas sen consignación.

Dous aspectos estes tamén advertidos dende a propia intervención municipal, ó tratarse dun comportamento irregular.

Na sesión procedeuse tamén á aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2024. O Concello elixiu as mesmas datas que en 2023: o día do Carme, o 16 de xullo, e o día seguinte ó San Marcos, o 26 de abril.

Outro dos puntos abordados no pleno que centrou boa parte do tempo da sesión foi unha moción presentada polo BNG a través da cal solicitaba a posta en marcha dunha escola infantil.

O grupo de goberno abstívose, fronte os votos favorables dos grupos da oposición.

Aínda así o equipo de goberno comprometeuse a iniciar, de cara o ano que vén, as xestións para poder concorrer á nova convocatoria de axudas autonómicas para este fin, acadando un certo consenso co resto de formacións, que seguen vendo de xeito anómalo que Noia sexa o único municipio con máis de dez mil habitantes de toda Galicia que a día de hoxe aínda  non dispón de gardería pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí