Ravella e Costas acordan demoler o CIRA, o miradoiro e rexenerar o Preguntoiro

    VILAGARCÍA>

     

    O derrubamento do Centro de Interpretación da Ría de Arousa, do mirador de madeira da praia da Concha e un aporte de 6.500 metros cúbicos de area á praia do Preguntoiro. Son tres das actuacións que o goberno de Vilagarcía conseguir desbloquear esta mañá durante a reunión mantida coa directora xeral de Costas e que se realizarán de xeito inmediato. Na xuntanza tamén se tratou a desafectación dos terreos de dominio público que ocupa o Balneario para poder completar a súa rehabilitación, e a creación dun carril bici polo paseo da praia.

     

     

    A xuntanza mantida esta mañá entre alcalde de Vilagarcía e directora xeral de Costas permitiu desbloquear varias actuacións que o ente estatal tiña pendentes coa capital de Arousa. Unha reunión ‘proveitosa’, en palabras de Alberto Varela, da que saíron varios compromisos. O máis inmediato, a incorporación de 6.500 metros cúbicos de area á praia do Preguntoiro que deberá iniciarse o 20 de outubro e alongarase entre 3 e 4 semanas.

     

    Costas sufragará esta actuación á que destinará 112.000 euros. A ela seguiralle con probabilidade a demolición do CIRA, unha medida que levaba Varela no seu programa electoral para recuperar a fachada marítima. Terá un custe estimado de 80.000 euros, que tamén asumirá Costas. O que non está decidido é cal será o novo emprazamento do museo nin que contido se lle dará.

     

    O proxecto de derrubamento do CIRA xa está aprobado e só falta que se acorde no pleno municipal a demolición. Algo que se tratará con toda probabilidade nunha sesión extraordinaria que en breve se convocará para tratar ordenanzas fiscais. Tamén se falou de demoler o miradoiro da praia da Compostela. Costas recoñeceu o mal estado no que se atopa e avanzou que o ente asumirá tamén o custe se o concello decide tiralo. Outro dos temas tratados foi a situación do Baleario. A directora xeral de Costas suxeriu ó concello que solicite a desafectación dos terreos de dominio público para poder completar a rehabilitación da instalación.

     

    A creación dun carril bici desde Carril a Vilaxoán segue en mente do executivo de Varela, aínda que irán paso a paso. O primeiro que solicitarán será o que discorra polo paseo da Compostela. Unha actuación que o alcalde explicará e solicitará persoalmente ó Subdirector de Costas en Madrid nunha próxima reunión.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/30/cira.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/30/XEFA_COSTAS_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer}