![]()
SANXENXO > O concello de Sanxenxo ten previsto investir máis dun millón de euros na parroquia de Adina. Así o indicou o alcalde Telmo Martín nunha xuntanza mantida o sábado cunha vintena de representantes veciñais. Formuloulles 16 actuacións, entre as que se inclúen a mellora de infraestructuras, recuperación de patrimonio e zonas naturais, e a creación de parques. O concello xa ten solicitado ós técnicos a redacción dos proxectos.
Segundo sinalou Telmo Martín, en Adina estase a proxectar o asfaltado de pistas de acceso con máis dotación de auga e saneamento. Tamén se prevé a urbanización o tramo antigo da estrada de Adina pendente desde a ampliación desta vía e que vai desde a PO-308 ata Pombal. Outras actuacións serán a creación dunha área recreativa xunto á igrexa de Adina, a restauración dos cruceiros da Xesteiriña, Barbeito e Catadoiro, e das fontes da Barrosa e Muíño do Barbeito. O concello proxecta ademais o acondicionamento do entorno da igrexa de Adina e da capela de Arra, e nos ríos Catadoiro e Palleiro, ademais de urbanizar o entorno da casa da Asociación de Veciños.
Con esta reunión, iníciase unha rolda de contactos que ten por obxectivo explicar o presuposto municipal e recoller as opinións e suxestións ás actuacións previstas nas parroquias. Nas contas deste ano o goberno local reservou 22 millóns de euros a actuacións no rural. Nas vindeiras semanas, Telmo Martín manterá encontros con persoas representativas das 6 parroquias restantes do concello.
Redacción Salnés









