O executivo boirense confía na regularización de 29 núcleos costeiros

    BOIRO> O alcalde, Xoán Xosé Dieste, mantivo unha reunión de traballo na consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, onde entregou un exhaustivo informe elaborado polos técnicos municipais. Con trinta e dous quilómetros de costa, Boiro presenta numerosos núcleos en todo o municipio que poden verse afectados por esta regularización, que pretende entre outros aspectos a rebaixa da liña de servidume de Costas dos cen ós vinte metros. Aínda así os concellos deben acreditar con rigor a documentación necesaria ante a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente para fundamentar a existencia de núcleo urbano consolidado antes da aprobación da lei de Costas no ano 1988. Un arduo e amplo traballo técnico que no caso de Boiro levou bastantes meses de recompilación e análise de documentos. Algo que os anteriores gobernos municipais nunca fixeran. Esta foi unha primeira reunión de traballo que precederá a outras de carácter máis técnico cos servizos de Urbanismo da Xunta e coa propia Dirección Xeral de Costas. Dende o executivo boirense confíase en que, senón todas a maior parte destas vinte e nove solicitudes sexan tidas en conta e así poder regularizar a situación de moitas vivendas que poderían verse nunha situación de ‘fóra de ordenación’.