Conxemar pecha as súas portas co mellor balance dos últimos anos

    GALICIA> A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, clausurada esta tarde en Vigo, volveu poñer de relevancia o peso estratéxico da comunidade no sector. Conxemar reuniu, nesta decimosétima edición, a máis de cincocentos expositores de corenta países. Vigo converteuse un ano máis na capital mundial da Pesca coa celebración da decimo sétima edición de Conxemar. Por esta feira, que a día de hoxe é un dos principais referentes no sector de produtos do mar conxelados, pasaron máis de trinta mil visitantes que puideron achegarse á oferta das máis de cincocentas empresas participantes. Firmas procedentes de corenta países aproveitaron este escaparate para presentar as súas principais novidades. No recinto, cunha superficie de trinta e tres mil metros cadrados, houbo tamén oco para a presenza barbanzá con oito empresas da comarca. Entre elas, Congalsa, líder no sector de precociñados de produtos pesqueiros, que vén de lanzar ó mercado dúas novas liñas de produto. O importante pulo desta feira que cada ano vai a máis fixo que os participantes demandaran a habilitación de cinco mil metros cadrados máis de cara á vindeira edición.