Fin de semana negra con setenta e cinco incendios nos montes galegos

    BARBANZA> Fin de semana negra nos montes galegos con numerosos incendios forestais dos que non se libraron as comarcas arousás. Lousame e Corrubedo foron algúns dos puntos afectados polo lume. Neste último, a proximidade ós núcleos de poboación obrigou a desaloxar varias vivendas. O estado en que quedou o lugar de Teira dá idea da magnitude do incendio que a noite do pasado sábado afectou a esta zona de Corrubedo. O lume, que se iniciou preto das sete da tarde, estendeuse con gran rapidez avivado polo vento. A pesar da intervención dos equipos de emerxencia e dos propios veciños que loitaron cos seus propios medios, vivíronse momentos moi duros xa que as lapas chegaron a cercar algunhas vivendas. Foi preciso desaloxar un cámping, por precaución, e durante varias horas pechouse ó tráfico de acceso á parroquia. En Lousame vivíase unha situación similar o domingo cun incendio forestal na parroquia de Tállara que arrasou setenta hectáreas. Estes lumes integran unha longa lista negra conformada por setenta e catro focos que chegaron a estar activos durante a fin de semana en toda Galicia. Dende Medio Rural non dubidan da intencionalidade dos lumes polo que insisten na necesidade de tolerancia cero contra os incendiarios e agradecen a colaboración cidadá que está a ser clave para unha intervención rápida.