RIANXO> Aparatoso accidente o que se rexistraba esta mañá, pasadas as nove, na autovía do Barbanza.
O suceso producíase no quilómetro 15, á altura de Rianxo nas coñecidas como curvas de Vilas.
Por causas que están a ser investigadas, un camión de gran tonelaxe que circulaba dirección Padrón-Ribeira, saíuse da vía e acabou colidindo fronto-lateralmente contra a mediana da autovía, atravesando mesmo ata o carril de dirección contraria.
Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais.
O condutor e único ocupante do camión resultou ferido de escasa consideración.
Foi un gran susto para el, pero tamén para o resto de condutores que circulaban nese momento pola vía, e que presenciaron o accidente.
Ata o lugar do suceso desprazáronse numerosos medios de emerxencia.
A Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Rianxo encargáronse de regular o tráfico na zona do accidente, sendo necesario o peche temporal dun dos carrís.
Tamén colaboraron no operativo efectivos do parque de bombeiros de Boiro e persoal da empresa de mantemento da propia autovía que se encargaron da limpeza dos cascallos do camión que quedaron esparexidos polo vial e tamén dos restos de aceite e gasoil que había sobre o pavimento.











