Rosa Quintana defende en Bruxelas os intereses do sector pesqueiro galego

    BARBANZA> A conselleira do Mar valorou moi positivamente o seu encontro co director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea, João Aguiar. No encontro co director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea, João Aguiar, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo un repaso de todos aqueles aspectos que afectan ó sector pesqueiro galego, obtendo, segundo ela, unnha moi boa acollida as súas propostas por parte das autoridades europeas. Precisamente unn dos temas abordados na xuntanza foron os TACs e as cotas de pesca. Neste sentido, Rosa Quintana explicou que hai diferentes aspectos que poden contribuír para incrementar as cotas. Un deles é a defensa que fai Galicia de acadar o Rendemento Máximo Sustentable no 2020 en lugar de facelo xa automaticamente, debido ó impacto socioeconómico que pode supor no sector. O outro aspecto que citou a conselleira é o dos descartes, xa que unhas posibilidades de pesca superiores contribuirán tamén ao efectivo cumprimento da prohibición dos descartes e a súa conseguinte obriga de desembarque de tódalas capturas, razón pola que Galicia solicita un incremento de cotas para poder descargar e comercializar as especies que antes se descartaban. Tamén se interesou pola proposta de prohibición das redes de enmalle á deriva, que inclúe ao xeito. Neste sentido a conselleira sinalou que hai un compromiso de regulalas na proposta de medidas técnicas da UE e de que o xeito non vai ser prohibido, ó quedar suficientemente probado que se trata dunha pesca artesanal e sustentable. Outro dos asuntos abordados na reunión foi o acordo pesqueiro da UE con Mauritania. Neste punto a titular de Mar solicitou ó director xeral da UE que se teña en conta ós cefalopodeiros e que se permita a súa participación neste acordo pesqueiro. Mentres tanto o sector , na última asemblea da Federación Galega de Confrarías, a proposta do patrón maior de Portosín, vén de aprobar a convocatoria dunha gran manifestación en Santiago en defensa do sector pesqueiro galego. Polo de agora non está fixada a data, pero todo parece indicar que se celebrará antes do próximo 20 de decembro, día das eleccións xerais.