Lois Rodríguez e Bea Amado vencedores do Trail de Bealo

    BOIRO> A carreira, disputada este domingo, era a terceira das citas do circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series, tras as probas celebradas en Ribeira e a Pobra do Caramiñal. Uns 253 corredores participaron este domingo no Trail de Bealo. A saída da proba, integrada no circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series, tiña lugar nas inmediacións da igrexa de san Ramón, lugar fixado tamén para a chegada. Como veu acontecendo tamén nas probas anteriores a carreira estivo moi condicionada pola metereoloxía. Aínda así o vento e a chuvia, non impediron que se vira un bo espectáculo, máxime pola beleza do trazado polo que discorreu a carreira.Na categoría masculina o vencedor foi Lois Rodríguez do Revolutrion Trail Racing Team, cun tempo de 1:02:26. Por detrás del, a 59 segundos de diferenza, entrou Andrés Fontela, e en terceiro lugar José Luis Turnes. En canto á categoría feminina a gañadora foi Bea Amado do Club Atletismo Fontes do Sar que entrou na liña de meta cun tempo de 1:23:20. En segunda posición entrou Marlen Trucios e de terceira Maria Mereque. Por equipos venceron os vengadores, seguidos do Tribu Trail e en terceiro lugar Gramola GTR. A carreira celebrouse sen ningún incidente de consideración e os atletas participantes destacaron, tanto o alto nivel organizativo coma a espectacularidade do percorrido. Os amantes do trail terán unha nova cita o próximo día 26 deste mes de marzo coa disputa do Trail de Castro Barbudo en Rianxo, a última das probas que forman parte do circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series, á espera tamén do Ultratrail do Barbanza.