Internan nun centro de menores ao agresor de Rajoy

PONTEVEDRA> O mozo que agrediu a Mariano Rajoy ingresa no centro de menores de Monteledo, en Ourense. Farao ademais en réxime pechado, a medida máis dura que se podía adoptar contra el. O internamento será dun prazo máximo de seis meses, aínda que o Xulgado de Menores de Pontevedra pode decidir deixar sen efecto antes a medida ou acordar a súa prórroga.

A expectación mantívose en máximos niveis nos xulgados de A Parda durante toda a xornada. Ás 10 desta mañá chegaba o menor de idade detido onte por agredir ao presidente do goberno, Mariano Rajoy, mentres daba un paseo electoral por Pontevedra. O mozo está acusado dun delito de atentado á autoridade, agravado por que a vítima é o presidente do goberno. 

O seu avogado asegurou que o acontecido está a afectar moito á familia do rapaz, que definiu como xente de ben e honrada.

O mozo prestou declaración ante a Fiscalía de Menores. Ademais, foi sometido a exames forenses e psicolóxicos, e entrevistouse con asistentes sociais. 

A repercusión mediática do suceso levou ao letrado a pedir que se tomen medidas para preservar a intimidade do menor. Algo no que tamén insistiu o Fiscal Xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro.

O suceso de onte deixou outro protagonista. O momento da agresión foi captada unicamente por un xornalista, Santiago Mosteiro, de El Diario de Pontevedra. Hoxe sorprendíase da expectación que se levantou ao redor das súas imaxes.

Pola súa banda, hoxe a vicepresidenta do goberno, Soraya Sáenz de Santamaría confirmou que Mariano Rajoy non presentará denuncia contra o mozo. Así as cousas, a actuación xudicial seguirá de oficio.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/17/agresion_rajoy.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/17/agresion_rajoy.mp4{/flowplayer}

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí