Reúnen máis de 30.000 sinaturas a prol dunha canle en galego para a cativada na televisión pública

PONTEVEDRA> Reclamar un espazo na televisión pública galega no que a cativada teña programación infantil e xuvenil en galego. Este é o obxectivo da campaña que ten en marcha a Mesa pola Normalización Lingüística. Hoxe estiveron recollendo sinaturas en Pontevedra, pero xa suman ao redor de 30.000 recollidas que apoian a creación dunha canle Xabarín Club as 24 horas do día.

A Mesa pola Normalización Lingüística continúa coa súa campaña para reclamar unha canle da televisión pública galega para a cativada. A recollida de sinaturas chegou hoxe a Pontevedra.

A idea de recuperar o Xabarín Club e estendelo 24 horas parece que gusta. Tanto que a Mesa leva xa recollidas unhas 30.000 sinaturas no ano que leva a iniciativa en marcha e que se entregarán no Parlamento de Galicia.

Segundo Sabela Bará, só o 4,6% da programación infantil semanal está en galego. Porcentaxe que cae ata o 2,7% na fin de semana.

A iniciativa reclama tamén ao gobernó do Estado que Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación da súa canle infantil e xuvenil, Clan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí