PONTEVEDRA> Os 25 millóns de euros de fondos europeos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica se comprometeu a investir en Pontevedra transformarán o litoral pontevedrés na zona máis urbana da cidade. Segundo o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, as actuacións permitirán renovar e renaturalizar a ribeira do Lérez.
25 millóns de euros procedentes de fondos europeos é o investimento comprometido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para mudar o litoral pontevedrés. Actuarase en terreos de Costas, na zona máis urbana da cidade, renovando a ribeira do Lérez.
Na marxe esquerda, a paralela ás avenidas de Bos Aires e Uruguai, crearanse bancais que permitan o acceso á auga. Cando non sexa posible eliminar os muros verticais, disimularanse con vexetación de ribeira. Na dereita, a máis afastada do centro, fundirase o río coa cidade.
Esta achega do Ministerio permitirá tamén actuar na parcela situada fronte ao Pavillón Municipal dos Deportes. Actualmente emprégase como aparcadoiro disuasorio.
Outra das grandes intervencións comprometidas ten como epicentro a Xunqueira de Alba. Non só se recuperarán os terreos que actualmente ocupan o Parque de Maquinaria e a Imprenta da Deputación de Pontevedra. Tamén se actuará no seu interior, na contorna da Ponte das Cabras.
Ponte Sampaio é outro dos destinos que terá unha parte destes 25 millóns de euros. O obxectivo: recuperar a parcela do antigo campo de fútbol.
A recuperación da coñecida como parcela dos circos no barrio de Mollavao e actuar na degradada contorna do cuartel da Garda Civil e do Parque de Bombeiros, son outras das intervencións comprometidas por Transición Ecolóxica.
Segundo os prazos marcados pola Unión Europea, estes proxectos terán que estar rematados entre os anos 2025-2026.