Ribeira implica ás asociacións no deseño do Ribeira Atlántica 2020

    RIBEIRA> Asociacións e entidades de Ribeira participaron nunha mesa de traballo para decidir os proxectos a incluír no Plan Ribeira Atlántica 2020. Esta nova convocatoria de fondos europeos suporía a achega de cinco millóns de euros para o desenvolvemento urbano sostible do municipio. Representantes do tecido asociativo de Ribeira, tanto no eido sociocultural como turístico ou deportivo, reuníronse na tarde do luns no conservatorio de Ribeira para participar nunha xuntanza de traballo sobre o proxecto Riveira Atlántica. Con esta xornada, o concello pretende recoller as suxestións das distintas entidades para elaborar os proxectos a incluír nesta nova convocatoria de Fondos Europeos á que Ribeira optará para dar continuidade á súa estratexia de desenvolvemento urbano sostible. Ademais da presentación do proxecto, que pode supoñer unha achega de fondos de cinco millóns de euros, desenvolvéronse dúas mesas sectoriais: unha sobre eficiencia, medio ambiente, patrimonio, deporte e turismo e outra sobre calidade de vida. Ademais das aportacións das entidades asociativas o concello pretende ter en conta a opinión dos cidadáns para a elaboración deste plan polo que, hai un mes, abriu un cuestionario a través da web municipal para a proposta das actuacións que consideren prioritarias.