O cerco volverá ó mar tras tres meses de amarre

    PORTO DO SON> As embarcacións de ACERGA volverán ó mar a próxima semana despois de que aceptasen a proposta da Consellería de establecer un mínimo de capturas para cada tipo de embarcación, en función do seu tamaño. Os responsables da entidade aclaran que isto non soluciona en absoluto os problemas do cerco polo que seguen a reclamar un cambio no criterio de reparto de cotas. Tras tres meses amarrados, os máis de cen barcos cerqueiros integrados en ACERGA volverán ó mar o próximo luns. Así o decidiron na asemblea celebrada esta mañá tras aceptar a proposta da Consellería de establecer un chan mínimo de capturas para as embarcacións que carecen de cota, en función do seu tamaño. Aínda que ven esta solución como un mero parche, os membros da asociación maioritaria do cerco en Galicia acordaron volver faenar ante a difícul situación que atravesan despois de que o pasado dezanove de outubro entregaran os roles das embarcacións. A pesar da volta ó traballo, seguirán a demandar un cambio no sistema de reparto fixando cupos diarios por embarcación e tripulante e eliminando os criterios históricos que, segundo ACERGA, favorecen a uns poucos en prexuízo da maior parte da flota. Por esta razón, manterán a acampada diante da Xunta ata o domingo como un xesto simbólico de que a súa loita continúa.