O BNG de Ribeira súmase ás voces en contra da Lei de Acuicultura

    RIBEIRA> Ó igual que xa fixeran outras agrupacións da comarca, o BNG de Ribeira levará a pleno unha moción esixindo a retirada da lei de acuicultura. Ademais dos danos ó ecosistema, os nacionalistas denuncian a importante perda de postos de traballo que implicaría esta norma. Máis de trinta e tres mil postos de traballos directos e moitos máis indirectos se verían ameazados de entrar en vigor a lei de acuicultura, cuxo anteproxecto se debaterá proximamente no Parlamento. Este é un dos argumentos esgrimidos polo BNG de Ribeira que instará á corporación municipal a esixir ante a Xunta que se paralice a tramitación de lei. A entrada de especies foráneas que poñen en perigo o ecosistema ou os danos medioambientais derivados das facilidades para a implantación de plantas acuícolas tamén preocupan ós nacionalistas. Isto, din, podería ter consecuencias mesmo a nivel turístico polo impacto sobre a paisaxe. Ademais da presentación da moción, a agrupación nacionalista traballa na organización dun acto informativo co sector para explicar os riscos derivados da súa aprobación.