A mellora na travesía de Portosín licitarase no primeiro trimestre do ano

PORTO DO SON> A Xunta licitará as obras da nova rotonda no acceso a Portosín durante o primeiro trimestre deste ano. Así o confirmou a conselleira de Infraestruturas que se desprazou ata a localidade para explicarlle ós veciños os detalles deste proxecto.

Con esta obra, que sairá a licitación nos próximos meses, eliminarase un punto de concentración de accidentes na estrada AC 550. O proxecto contempla a construción dunha rotonda no acceso ó peirao dende a travesía da igrexa, nunha curva con escasa visibilidade e que soporta un elevado volume de tráfico, especialmente dirante o verán.

Ademais da glorieta, a obra complementarase co acondicionamento da contorna da igrexa onde se habilitará un área de estacionamento. A intención da Consellería é incluír no proxecto as suxestión e demandas dos veciños, motivo polo cal a titular do departamento, Ethel Vázquez, mantivo un encontro cos residentes en Portosín.

As obras contan cun investimento de cincocentos mil euros e está previsto que dean comezo este mesmo ano.