Contra a prórroga de ENCE, mobilizacións

PONTEVEDRA> A prórroga de ENCE é unha resolución administrativa na que non interfire para nada o Goberno. Así se referiu esta mañá a ministra de Medio Ambiente á polémica decisión do seu departamento de permitir a continuidade da pasteira na ría de Pontevedra. Onte coñecíase que ENCE conseguiu unha prórroga de 60 anos para a súa concesión, que puxo en pé de guerra ao concello da capital e aos colectivos sociais. Tamén á Deputación, que cualificou a decisión de incompresible e intolerable.

A Ministra de Medio Ambiente desvencella a prórroga de ENCE de calquera decisión política. Segundo Isabel García Tejerina, a autorización gobernamental responde a unha resolución administrativa, na que o goberno non interferiu, e que se concedeu porque a pasteira cumpre con todos os requisitos.

García Tejerina daba esta mañá esta versión do goberno da polémica decisión que se coñecía onte, e que permitirá que ENCE se manteña na ría de Pontevedra durante 60 anos máis.

Pero nin o concello nin os colectivos que integran a plataforma ENCE Fóra dan a batalla por perdida. A decisión non é firme, e é recorrible en vía administrativa e xudicial. Como hoxe volveu facer o alcalde de Pontevedra, onte chamaron á mobilización social.

Dende a Asociación pola Defensa da Ría falaron incluso dunha posible ilegalidade na decisión do Ministerio de Medio Ambiente. 

Tampouco queren a ENCE na ría de Pontevedra os grupos municipais do Partido Socialista e de Marea. Ambas formacións apostan por que o concello declare ao presidente do goberno en funcións, Mariano Rajoy, como “persoa non grata” na capital. 

Pola súa banda, dende a Deputación provincial, Carmela Silva, cualificaba de incomprensible e intolerable a decisión do goberno central, e comprometíase a estar do lado do alcalde nas súas reivindicacións. 

Do outro lado, Partido Popular e Ciudadanos. Os PP expresou a súa alegría pola continuidade de ENCE. O voceiro municipal, Jacobo Moreira, asegurou que trae moita tranquilidade ás familias que traballan para a pasteira. A concelleira de Ciudadanos, María Rey, confesou que non lle gustaba que a decisión viñera dun goberno en funcións, pero asegurou que non demonizarían á factoría mentres cumprira coa normativa medio ambiental.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/26/concello_prorroga_ence.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/26/concello_prorroga_ence.mp4{/flowplayer}