Os comerciantes do centro histórico presentan a campaña “Xuño monumental”

Pontevedra> Os comerciantes do centro histórico de Pontevedra propoñen un xuño con moita actividade. O obxectivo da campaña “Xuño Monumental” é dinamizar a zona antes de que cheguen as rebaixas de verán. Este ano as propostas estarán especialmente adicadas ós máis cativos.

Actividades para os nenos e nenas de Pontevedra conformarán o groso da campaña “Xuño Monumental”, organizada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Cinco prazas do centro histórico acollerán  entre o 2 e o 29 de xuño obradoiros e xogos para dinamizar os espazos menos concorridos e animar ós pontevedreses a achegarse aínda máis á zona monumental.

Con “Xuño Monumental” preténdese recuperar un inicio de tempada un pouco frouxo debido á climatoloxía.

As actividades arrincan este sábado na praza Méndez Núñez, cun obradoiro de maquillaxe, tatuaxes e globoflexia, e o habitual “Hoxe mercamos nós”, que se desprazará á rúa Serra o sábado 16.

O venres 22 celebrarase a gran festa fin do cole, cunha pista americana, un circuíto de karts, obradoiros e, un ano máis, a festa da espuma, na praza Mugartegui, para a que se recomenda ós pequenos que acudan preparados coma se fosen á praia.

Concluirán o 29 de xuño cunha tarde de xogos con paracaídas, actividades predeportivas e xogos de relevo, na rúa Serra, e un obradoiro de bonecos de papel en Curros Enríquez. Tódalas iniciativas incluídas no programa serán gratuítas.