Arranca o xuízo pola morte de Lupe Jiménez

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/16/xuizo_lupe_jimenez.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/16/xuizo_lupe_jimenez.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> Esta mañá arrancou na Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo polo asasinato machista de María Luisa Jiménez, coñecida como Lupe. Na bancada sentou o seu marido, José Luis Cortiñas, que hoxe volveu recoñecer os feitos. O corpo da muller apareceu con 16 puñaladas, e o acusado xustificou o crime como un arrebato. 

José Luis Cortiñas chegaba á Audiencia Provincial pouco antes das dez da mañá. Alí o agardaban decenas de familiares da falecida, que recibiron o furgón policial con insultos e berros. Entre os asistentes estaba a filla maior do matrimonio, Esmeralda, que reclamou xustiza para a súa nai.

A constitución do xurado popular prolongouse ata as 11 da mañá. Media hora máis tarde arrancaba o xuízo, nunha sala ateigada polos familiares da falecida. Ante eles, Cortiñas confesou que matara a Lupe Jiménez mentres viaxaban dende Vilaboa ata Lugo o 23 de febreiro de 2014. Alegou que o fixera despois dunha discusión e de que ela intentara atacalo. Tamén declarou que sabía que estaba embarazada.

Cortiñas contou como deixou o corpo na pista forestal onde estaban. Asegurou non recordar que fixo coa arma que, segundo o seu relato, era unha navalla de aproximadamente 3 centímetros, e co desaparafusador co que supostamente o atacara a súa muller. Despois, marchou para a súa vivenda en Lugo.

José Luis Cortiñas enfróntase a vinte anos de prisión por un delito de asasinato en concurso con outro de aborto. A acusación particular insistiu na solicitude da máxima pena, e cualificou a morte de extremadamente violenta. A preguntas do seu avogado, Cortiñas asegurou estar arrepentido.

A tensión acadou o seu punto álxido ao remate da sesión. Cortiñas marchou da sala entre as ameazas e os insultos dos asistentes. Xa fóra da Audiencia Provincial, a filla maior do matrimonio, embarazada, sufriu un esvaecemento. Tamén unha xornalista foi agredida mentres gravaba a situación.

O xuízo retomarase mañá.