Santiago Freire exerce xa coma novo alcalde de Noia

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/17/mocion_censura_noia1702161.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/17/mocion_censura_noia170216.mp4{/flowplayer} NOIA> Freire foi investido despois de prosperar a moción de censura presentada conxuntamente polos edís do PP e do NOIA. A sesión plenaria extraordinaria celebrouse nun ateigado pavillón polideportivo municipal, que se converteu nun improvisado salón de plenos. Cumprindo co guión previsto, Santiago Freire recibiu esta mañá o bastón de mando do concello de Noia despois de que a moción de censura contra o socialista Miguel Paz saíra adiante. Precisamente o xa excalde quixo dedicar o seu último discurso como rexedor ós seus compañeiros de filas para os que tivo un emotivo recoñecemento así como para os veciños que o apoiaron neste mal trago. Especialmente crítico amosouse cos dous edís independentes que facilitaron o ascenso de Freire á alcaldía, especialmente con Marisol Villar. Nos mesmos termos pronunciáronse os voceiros de PSOE, En Marea e BNG acusando ós concelleiros de NOIA de deslealdade institucional e de ceder o mando do concello a un alcalde que non defende os dereitos do pobo, en alusión á postura dos populares sobre o anteproxecto da lei de acuicultura. O voceiro dos independentes xustificou o cambio de criterio polas discrepancias xurdidas en relación ó modelo de goberno dos socialistas que supuxo a parálise e o bloqueo administrativo do concello. Razóns que comparten co grupo popular. Moitas das intervencións dos voceiros víronse interrompidas polo numeroso público que ateigaba as gradas do pavillón. Ademais de representantes políticos da comarca, duns e doutros partidos, asistiu ó pleno unha ampla representación do sector marisqueiro para amosar o seu desacordo coa postura dos populares ó respecto do anteproxecto de lei de acuicultura. Nada máis comezar a intervención de Santiago Freire abandonaron o pleno ante os aplausos dos discrepantes coa moción de censura. A pesar do evidente malestar entre os partidarios de Paz e Freire e dos momentos de tensión vividos, como a intervención do voceiro da Marea que chegou a cualificar de indecente ó novo rexedor, o pleno desenvolveuse sen incidencias reseñables durante preto de hora e media. Nada máis recibir o bastón de mando, o novo alcalde manifestou a súa intención de comezar a traballar na organización do goberno. Referiuse ademais a dous temas polémicos que afectan ó novo executivo: a postura sobre a lei de acuicultura e a denuncia remitida á fiscalía pola presunta caixa B xestionada por Marisol Villar. Antes de abandonar o goberno municipal, o xa exalcalde Miguel Paz, decidiu remitir á Fiscalía, a través da secretaría municipal, o caso dunha suposta ‘Caixa B’ xestionada pola exconcelleira de Relacións Veciñais, Marisol Villar para a organización dunha excursión a Benidorm durante o pasado mes de outubro. Segundo consta nun informe elaborado por Servizos Técnicos do Concello Marisol Villar empregou os recursos humanos e materiais da administración para a organización da viaxe, aínda que non consta ingreso algún na tesourería municipal sobre a dita excursión. O novo alcalde considera que se deberán aclarar aquelas cuestións que xeran dúbidas pero defendeu a honorabilidade de Marisol Villar amosado ó longo da súa trayectoria política. Atribúe estas acusacións ás ganas doutras formacións de quentar os ánimos ante a moción de censura. En canto ó outro dos puntos quentes que salpican a súa xestión antes de iniciar sequera o mandato, a postura sobre o anteproxecto da lei de acuicultura, Freire expresou o seu máximo compromiso coa defensa dos sectores produtivos.