Rajoy declarado “persoa non grata” en Pontevedra

PONTEVEDRA> Mariano Rajoy xa é persoa non grata na cidade de Pontevedra. Esta mañá o pleno do Concello da cidade do Lérez cualificaba deste xeito ao actual presidente en funcións do goberno nunha sesión con varias interrupcións por mor dun público alporizado. A decisión final e co abandono da sala durante a votación por parte do Partido Popular saldouse co aprobado da moción cos votos a favor de PSOE BNG e MAREA e o único voto en contra de Ciudadanos.

 

O pleno do Concello de Pontevedra no que se decidiría se Mariano Rajoy era considerado ou non persoa non grata para a cidade comezaba caldeado debido ás masas de veciños e implicados no caso de ENCE que se agolpaban ás portas do teatro principal con pancartas a favor e en contra da decisión.

Dentro o pleno tivo que ser interrompido ata en dúas ocasións debido aos berros que proferían ambas partes cortando as intervencións dos voceiros municipais. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores chegaba a afirmar que este pleno estaba sendo secuestrado por unha empresa privada, en referencia a ENCE,  que violentaba os dereitos democráticos desta corporación.

Na súa exposición PSOE e Marea explicaron as razóns polas que presentaron esta moción, acusando a Rajoy de traizoar a súa cidade condenándoa coa prórroga de 60 anos máis concedida a ENCE. Aseguran que o presidente en funcións do goberno merece o repudio e a vergoña, xa que esta decisión política é un acto simbólico que non terá repercusión máis aló da declaración.

A voceira de Ciudadanos anunciou de primeiras o seu voto en contra e acusou aos compañeiros de corporación de terlle sacado rédito político máis que dabondo ao tema de ENCE.

Dende o Partido Popular expresaron o seu sentir ante o que dixeron é unha ultraxe contra un Pontevedrés, indicindo en que entre as competencias dun concello non está a de pórlle calificativos aos veciños xa que iso non axuda a resolver os problemas reais da cidadanía.

O BNG, que previamente amosara o seu apoio á moción presentada, recuperou un artigo de 2014 para explicar a corporación a ausencia de investimentos de Rajoy na provincia dende que é presidente e a condena que supón para a cidade a prórroga de ENCE.

Á hora de votar, o Partido Popular decidiu retirarse da sala para amosar o seu rexeitamento ante a moción presentada deixando nos seus sitios as mesmas pancartas que portaban algúns dos asistentes como público. Coa ausencia do PP, a moción foi aprobada polos votos a favor de PSOE, BNG e Marea e o único voto en contra da edil de Ciudadanos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/22/pleno_pontevedra_rajoy.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/22/pleno_pontevedra_rajoy.mp4{/flowplayer}