Chega #Pontelovers, a campaña para reiniciar Pontevedra

PONTEVEDRA> A Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra puxo en marcha #Pontelovers. Unha campaña que ten como obxectivo reiniciar a vida social e económica da cidade cando remate esta crise do coronavirus. Unha iniciativa na que participaron xa numerosos comerciantes e empresarios.

Fomentar o consumo nos comercios e negocios locais, axudar a compensar as consecuencias da crise sanitaria e reiniciar a vida social e económica de Pontevedra. Eses son os principais obxectivos de #Pontelovers. Unha campaña impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e na que están colaborando numerosos hostaleiros, comerciantes e empresarios da cidade.

A campaña #Pontelovers divídese en dúas fases. A primeira é a que se está a levar a cabo nas redes sociais e na que participaron xa numerosos profesionais con recoñecemento en Pontevedra como Ramón Pedras Petete, Andrés Acuña, Lourdes Rodríguez ou María Rey.

Na segunda fase o obxectivo será levar esta campaña ás rúas e ao interior dos locais. A Concellería de Promoción Económica e Turismo está convencida da importancia de restruturar o comercio local e, por iso, está a traballar na publicidade exterior.

Co obxectivo de reiniciar a economía local e achegar aínda máis as actividades comerciais a toda a cidadanía, dende o Concello estudan outras alternativas para poder incorporalas a esta campaña municipal. Unha iniciativa na que se demostra que soamente traballando xuntos, conseguiremos saír reforzados desta crise sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí