O Salnés, á cabeza da baixada do paro nas Rías Baixas

RÍAS BAIXAS> Descenso xeneralizado do paro en toda a nosa contorna. Os mellores datos rexístranse na comarca do Salnés, onde se rexistran 300 desempregados menos. Os sindicatos destacan, en especial, o aumento dos contratos indefinido. Entenden que a reforma laboral comeza a ter xa o seu efecto, servindo de contención ante a guerra de Ucraína ou a crise da enerxía e os carburantes.

No Salnés hai hoxe case 7.400 persoas no paro. Son 300 menos respecto do mes anterior. A comarca sitúase entre as que lideran a caída do paro en Galicia. Entre os concellos, salienta o tirón de Sanxenxo, onde se formalizaron un cento de contratos; seguido do Grove ou Meaño. Iso débese, segundo entenden de CCOO, á reforma laboral que vén de aproba-lo goberno.

Do outro lado da ría os datos tamén son positivos. No Barbanza hai medio cento de desempregados menos, quedando o total de parados en pouco máis de 3.200. Estes datos, seica poderían ser aínda mellores se non fose polo impacto da crise da enerxía e os carburantes e a guerra de Ucraína.

Tamén boas novas na bisbarra de Caldas: Alí o paro baixou en 40 persoas, quedando en pouco máis de 1.900 desempregados. E baixa, pero moi pouco, na de Pontevedra: redúcese en 15 parados, quedando en pouco máis de 7.500. No conxunto de Galicia, o desemprego reduciuse en case 1.200 persoas, situándose en 153.300.

Os sectores onde máis baixou o paro foron industria, servizos e a construción. A vista está posta agora na Semana Santa e, en especial, na recuperación do sector do turismo, unha vez superadas as restricións da pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí