Cando cooperar se traduce en innovar

CAMBADOS> Hai agora trinta anos nacía en Cambados Adegas Martín Códax. O seu xermolo como cooperativa aparecía un ano antes, con 50 viticultores que se asociaron no Salnés coa fin de iniciar un proxecto vitivinícola.

 

 

O precedente sentado por Martín Códax callou e moito no sector vitivinícola de Rías Baixas, amosando que a asociación de viticultores para a elaboración de viño traía consigo vantaxes moi diversas. Unha mostra foi o espectacular crecemento en volume de socios, ata o punto de converterse hoxe en día na cooperativa máis grande da Denominación de Orixe.

 

A profesionalización do sector foi un dos primeiros retos que se marcaron estes socios. Compartir sabiduría, novas técnicas de coidado dos viñedos, e avanzar nos métodos de produción de uva foron os primeiros pasos que se deron en conxunto.

 

A medida que a cooperativa se foi consolidando, comezaron a dotarse dunha estrutura técnica que lles permitira seguir avanzando nesa profesionalización do coidado da terra, pero tamén na produción do viño. A aposta pola innovación e os avances tanto en campo como en adega sempre foron as guías desta cooperativa. E cunha masa social forte, tiñan o respaldo para ir avanzando.

 

E é que hoxe en día, os socios de Martín Códax non só poden contar co asesoramento directo nas súas parcelas de técnicos de campo expertos. Tamén están ó día das últimas modificacións normativas en materia vitivinícola, como a obriga nestes intres de contar cun carnet de aplicador de produtos fitosanitarios, ou a esixencia de cara final de ano de pasar unha revisión ás máquinas coas que se aportan estas materias.

 

Pero as vantaxes dos cooperativistas non quedan aquí. Martín Códax traballa xa na creación dunha tenda agraria propia, na que os viticultores poidan adquirir os produtos que precisen para os coidados dos seus viñedos a prezos vantaxosos, ademais de contar co consello profesional dun técnico. Ou un servizo específico para maquinaria.

 

Unha das claves do éxito dunha cooperativa é contar cun plan estratéxico e ir dando pasos para conseguilo. No caso de Martín Códax, a ollada púxose desde os inicios na innovación, e nestes intres son punteiros na DO Rías Baixas na investigación de viticultura, colaborando co ámbito universitario para avanzar cada día máis.

 

E ese relevo xeracional estase a producir, o que demostra non só que a viticultura é unha actividade de futuro, senon tamén que o cooperativismo se revela como unha fórmula sostible de creación de emprego.

 

Riqueza da que se benefician os cooperativistas, pero tamén toda a comarca do Salnés á que pertencen estas familias.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/25/COOPERATIVISMO_MARTIN_CODAX.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/25/COOPERATIVISMO_MARTIN_CODAX.mp4{/flowplayer}