Tania Varela asegura que decidiu fuxir da xustiza porque llo aconsellou a súa parella antes de ser asasinado

CAMBADOS> Tania Varela, a narcoavogada cambadesa, declarou hoxe no xuízo polo asasinato da súa parella, o tamén avogado Alfonso Díaz, no ano 2008. Asegurou que decidiu fuxir da xustiza porque a súa parella lle dixo que liscase se a el lle pasaba algo ante as ameazas de morte que estaba a recibir. Ademais, segundo indicou tralos disparos que remataron coa vida do seu compañeiro só viu dúas siluetas.

Tania Varela está considerada unha testemuña clave no xuízo polo asasinato da súa parella, o avogado Alfonso Díaz. A narcoavogada cambadesa viaxaba no mesmo coche que a vítima no momento no que recibiu os disparos por parte de dous asasinos a soldo, en decembro do 2008 na entrada do garaxe da súa casa. A letrada compareceu hoxe na Audiencia de Madrid de forma presencial en calidade de testemuña, na vista contra Miguel Ángel Durán, considerado un dos executores do crime.

Na súa declaración, Varela asegurou que no momento dos disparos ela se agachou para coller unhas chaves e que cando se incorporou viu a silueta de dous homes nun paso de peóns. No momento do asasinato, Varela asegurou que semellaban colombianos, un estremo do que hoxe se retractou.

A narcoavogada explicou que a súa parella levaba “asuntos delicados” e que tiña moitas frontes abertas. Indicou tamén que o letrado podía sospeitar das ameazas de David Pérez Lago “igual que doutras persoas”. Sobre o fillastro de Laureano Oubiña, en prisión na actualidade, recoñeceu que había asuntos que o enfrontaban coa súa parella, aínda que ela se mantiña á marxe.

Sobre a súa fuxida da xustiza, Tania Varela asegurou que o fixo porque a súa parella lle dixo que escapase se a el lle pasaba algo. Apuntou que o falecemento da súa parella e o medo que tiña, a levou a unha situación “horrorosa”.

A cambadesa foi detida poros Mossos d’Esquadra en Vilanova i la Geltrú hai case un mes despois de case 6 anos en paradoiro descoñecido. Hoxe tamén transcendeu que entre os seus plans estaba finxi-la súa propia morte e crearse unha nova identidade. Tras ser arrestada, na súa vivenda de Sitges atopáronse ducias de notas manuscritas nas que a muller plasmou diversas idades para deixar de ser fuxitiva. Outra das opcións que barallou foi pedir un indulto.