O concello noiés deseña un amplo e variado cartel para o San Marcos

    NOIA> Como de costume un dos pratos fortes dos festexos volverá a ser a feira cabalar e de maquinaria agrícola que se desenvolverá en San Lázaro. O cartel das festas de San Marcos presenta este ano un esquema similar ó de anos anteriores. Sen dúbida un dos atractivos máis destacados destes festexos que cada ano atraen a máis xente é o da feira cabalar e da maquinaria agrícola que se desenvolverá o luns 25 en San Lázaro. Como vén sendo habitual nos últimos anos a feira cabalar estará organizada pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego que realizará diversas exhibicións de doma e andadura, así como os concursos morfolóxicos con importantes premios en metálico para cada categoría. Dende o concello, tratando de satisfacer a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores, deseñouse tamén un amplo abano de actividades, nas que non faltarán as tradicionais verbenas coas mellares orquestras de Galicia e as actuacións estelares de The Lakazans, Treixadura e Seguridad Social. Como novidade este ano desenvolverase tamén a primeira gran foliada de San Marcos. Será o sábado 23 coa participación de ata un total de oito grupos que percorrerán ese día a vila animando a festa.