O certame de pintura ó aire libre de Noia aumenta o número do premios

    NOIA> Noia acollerá esta semana a novena edición do Certame de Pintura ó Aire Libre Juan José Fernández Leiceaga ‘Sesé’. O concurso, cita de referencia a nivel internacional, enmárcase na celebración das festas de San Marcos. A principal novidade nesta novena edición do certame de pintura ó aire libre é a ampliación dos premios. Haberá un especial dotado con mil euros patrocinado pola familia de Sesé e outro de setecentos promovido por Luís Fernández Castro. As bases para participar no concurso xa están publicadas na web municipal. Dende a organización agardan contar co éxito de participación das anteriores edicións na que prestixiosos pintores elixiron un recuncho de Noia para plasmar a beleza da súa vila medieval nos seus lenzos. Dende o concello quixeron agradecer a implicación dos patrocinadores que fan posible que, ano a ano, siga a ce lebrarse este certame que, ademais de promocionar o talento de novos creadores, mantén viva a figura de Sesé. Trala realización das pinturas ó longo da xornada, as obras permanecerán expostas no claustro do concello. O xurado emitirá o seu ditame ás sete da tarde no salón de plenos.