As perdas do marisqueo na Ría de Arousa rondan os 47 millóns de euros

VILAGARCÍA> O marisqueo cae en picado na ría de Arousa. A Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa puxo hoxe cifras sobre a mesa que amosan ás claras o importante descenso da produtividade nos últimos anos. Caen a maioría dos moluscos bivalvos, destacando a ameixa fina e o berberecho. Unha baixada que se traduce nun grave impacto económico. Dende o ano 2021, as perdas do marisqueo na ría de Arousa roldan os 47 millóns de euros. Por iso o sector reclama á Xunta que actúe con urxencia.

Dende o 2021, o marisqueo da ría de Arousa deixou de facturar ao redor de 47 millóns de euros. Unha caída en picado que se debe ao descenso de produción de todos os bivalvos. A máis grave foi a do berberecho, que pasou de 301 toneladas de media ao ano no quinquenio 2019-2023 ás 19 toneladas do 2024: un 93,7% menos.

No caso da ameixa fina, a caída respecto do período 2019-2023 foi dun 86,5%, mentres que a babosa pasou dunha produción media de 268,4 toneladas ao ano no último quinquenio ás 38 toneladas de 2024. Unha baixada, polo tanto, dun 85,8%. Por iso o sector reclama á Xunta medidas urxentes.

Dende a plataforma sinalan a actuación sobre o saneamento da ría e a rexeneración dos bancos marisqueiros como dúas das medidas clave que debería adoptar a Xunta de Galicia. Pero acusan ao goberno autonómico de falta de vontade política.

De feito, as confrarías alertan de que esta situación terá efectos sobre o seu funcionamento. Chegando, incluso, a plantexarse despedimentos nos seus cadros de persoal para intentar aguantar unha crise que xa se prolonga anos.