Muros porá freo ó feísmo co soterramento do cableado no casco urbano

    MUROS> O casco histórico de Muros verase, por fin, liberado do cableado que afeaba algunhas das zonas máis emblemáticas do municipio. A compañía telefónica realizou unha proposta para o soterramento das liñas aéreas. Transcorridas varias semanas dende que o concello iniciara os contactos coa compañía telefónica, esta realizou finalmente unha proposta para proceder ó soterramento do cableado. Na actualidade, os servizos urbanísticos municipais están valorando a viabilidade do proxecto e a mellor alternativa para o seu financiamento, posto que os custos para a súa execución poderían ascender ós corenta mil euros.