A oposición pide un pleno extraordinario sobre as xuntas de concelleiros delegados

    PORTO DO SON> Os tres grupos da oposición en Porto do Son solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para dar conta das reunións de concelleiros delegados. A pesar das reiteradas peticións de información, denuncian que non contan coas actas destas xuntanzas nas que os edís están a ser remunerados, supoñendo un custo de dez mil euros no que vai de lexislatura. Dende o comezo da lexislatura, os grupos da oposición puxeron en dúbida a legalidade deste órgano que, polo momento, leva custado preto de dez mil euros ás arcas municipais. A falla de explicacións por parte do executivo levounos a convocar un pleno extraordinario. Os grupos denuncian o escurantismo destas xuntas posto que tan só existen tres actas das numerosas reunións. Demandarán a elaboración dun informe por parte de secretaría municipal para determinar a legalidade destas xuntanzas. Ademais do gasto de cartos públicos, os grupos da corporación denuncian que este órgano está a adoptar acordos, cando non ten competencia para facelo. Pola súa banda, o alcalde declinou pronunciarse ó respecto polo que haberá que agardar á celebración do pleno extraordinario para que o goberno clarifique as dúbidas plantexadas pola oposición.