Óscar Graña volve salvar unha muller de afogar no Lérez

PONTEVEDRA> O padexeiro Óscar Graña volveu ser protagonista esta mañá dun rescate no río Lérez. O deportista, Policía Nacional de profesión, rescataba a unha muller que se estaba a afogar á altura da ponte do tren de Monte Porreiro. O padexeiro Óscar Graña volveu converterse nun heroe nas augas do río Lérez. O deportista, Policía Nacional de profesión, estaba adestrando na súa piragua cando detectou un corpo flotando á altura da ponte do tren de Monte Porreiro. O rescate non foi sinxelo. Segundo explicou o propio Graña, a muller xa estaba inconsciente, e o peso da roupa que levaba dificultou o desprazamento ata a beira. Unha vez a salvo, prestoulle os primeiro auxilios. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e unha ambulancia, que trasladaron a muller ata o servizo de urxencias do Hospital Montecelo. Non é a primeira vez que Óscar Graña, campión do mundo de piragüismo de maratón, salva a unha persoa de morrer afogada nas augas do río Lérez. Xa o 30 de xullo de 2015 rescatara a outra muller no entorno da Ponte da Barca. Segundo contou Graña, foi a propia vítima a que lle explicou que estaba a tratamento psiquiátrico, que tivera problemas na casa e que ameazara con suicidarse. O fillo desta pontevedresa duns 60 anos xa se puxera en contacto coa Policía Local para denunciar a súa desaparición. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/17/rescate_oscar_grana_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/17/rescate_oscar_grana.mp4{/flowplayer}